Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

A Universidade de Vigo organiza, xunto coa Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas e Produtos Transformados de Peixes e Mariscos (ANFACO) e o Centro Nacional de Coñecemento e Tecnoloxía para a Industria Mariña, Acuícola e Alimentaria (CYTMA), un mestrado oficial de carácter profesionalizante que abarca todos aqueles aspectos relacionados coa conservación dos produtos da pesca e a acuicultura. A idea xorde ante a crecente demanda de persoas tituladas especialistas nun ámbito industrial de notoria importancia na nosa sociedade.

Destacan nesta demanda os seguintes aspectos:

Panorama socio-económico

As industrias de extracción e elaboración de produtos da pesca desde a súa implantación supuxeron un importante elemento dinamizador da economía na Comunidade Autónoma de Galicia e mantiveron unha liña de expansión, a pesar dos importantes retos do mercado (custo das materias primas, competencia con terceiros países, reconversión industrial). A industria conserveira ocupa un posto de preferencia por tradición nas industrias transformadoras de produtos da pesca. Ao mesmo tempo compleméntase con outras industrias de transformación como a industria do frío e os seus derivados, atmosferas modificadas, conxelados, refrixerados, pratos preparados, semiconservas, que ofrecen un amplo abanico de posibilidades de aproveitamento e valorización optimizada das materias primas procedentes do mar. Esta actividade representa en termos reais non só aforro, senón creación de riqueza que se traduce en postos de traballo, desenvolvemento científico-tecnolóxico e formación do persoal.

Contorna técnica legal: marco xurídico

Os produtos da pesca e os seus transformados presentan unhas características comúns en canto a materia prima e procesos de transformación, que xustifican que sexan obxecto de normativas legais específicas. Á marxe da lexislación horizontal sobre temas comúns de etiquetaxe, presentación e publicidade, indicación de prezos ou utilización de aditivos, a estrutura da lexislación comunitaria aglutinase ao redor de familias de produtos e non en canto a tipos de transformados. As industrias de transformación de produtos da pesca atópanse inmersas nun importante esforzo de modernización e mellora continua. O primeiro destes importantes esforzos deriva da adaptación das súas condicións sanitarias de produción e de mellora de calidade. As condicións polas que se rexe a adecuación das industrias de transformación de produtos da pesca na U.E. están recollidas en directivas que fixan as normas sanitarias aplicables á produción e posta no mercado dos produtos pesqueiros. Ademais, na actualidade existen outros cabalos de batalla, como son o control das condicións de produción, o aseguramento de calidade, e xestión ambiental, recollidos xa en outras directivas comunitarias. Establécese, por exemplo, a esixencia da implantación de sistemas de análises de Riscos e Control de Puntos Críticos, e suxírese que os estados membros poden instar ás empresas do sector alimenticio a que apliquen as normas europeas de calidade. De feito, moitas das empresas do sector da alimentación xa teñen implantados sistemas de garantía de calidade na actualidade. No aspecto ambiental debe prestarse especial atención as directivas relativas ás augas residuais e aos residuos de envases, avanzando no sentido de dar tratamentos específicos e diferenciados, segundo a materia aos produtos conservados tanto para conservas vexetais, como cárnicas, e de peixe, reguladas especificamente en normas propias.

Innovación tecnolóxica

Na actualidade é máis patente o papel da tecnoloxía na mellora do nivel competitivo das empresas. A innovación tecnolóxica vai encamiñada á mellora dos procedementos tradicionais ou á innovación no terreo de novos procedementos e desenvolvemento de novos produtos. A industria de hoxe en día ten conciencia que o proceso de desenvolvemento de novos produtos non comprende unicamente a «idea feliz» dunha persoa, senón o esforzo continuo do persoal adscrito a varios departamentos. A capacidade de anticiparse e rectificar fronte aos problemas ou necesidades é un talento ou disposición que ten que favorecerse:

  • En cada sección e en conxunto con obxectivos parciais e globais
  • Centralizando recursos e reunindo equipos suficientemente amplos e multidisciplinares

A necesidade do traballo multidisciplinar é unha esixencia dos novos sistemas de aseguramento e control de calidade, e do sistema de análise de riscos e control de puntos críticos. A importancia da innovación tecnolóxica debe ser asumida por todos os actores implicados:

  • É tarefa dos gobernos, crear un ambiente propicio á innovación, o que conleva entre outras cousas prestar atención á formación, á promoción de actitudes públicas a través da divulgación e a valorización tecnolóxica.
  • É tarefa das empresas, manter un investimento en capital humano, e adoptar modos e organización da produción que faciliten a asimilación de tecnoloxía.

Unha formación orientada desde estes tres puntos fundamentais, é o garante de que a futura persoa tecnóloga en transformación de produtos da pesca, vai poder facer fronte aos rápidos cambios tecnolóxicos, que requiren aprendizaxe de novas metodoloxías de transformación e a posta ao día constante dos coñecementos adquiridos, así como á integración en grupos de traballo multidisciplinares, que requiren comprensión doutros puntos de vista e análises de propostas diferentes. Por outra banda, non se debe ignorar que a innovación tecnolóxica para a mellora de sistemas de produción e o desenvolvemento de novos produtos, está afectada en gran medida por usuarios ou clientes, as súas preferencias e gustos, e que este é un factor importante a considerar.

Aínda que é difícil predicir a extensión e alcance, hai unha importante expectativa de desenvolvemento do sector, que se plasma en numerosas iniciativas de investigación que apuntan cara a obxectivos de índole pragmático tendentes a mellorar e crear tecnoloxías de novos procesos e novos produtos que poden ser incorporados con relativa facilidade polo armazón de pequenas e medianas empresas que constitúen o núcleo da industria agroalimentaria. Ditas expectativas xustifican a formación de especialistas nestas materias.

Convenio Marco Universidade de Vigo e ANFACO-CYTMA